jueves, 26 de mayo de 2011

Issué un novo proxecto que ve a luz

Penso que foi polo ano 2007 ou primeiros meses de 2008, cando me propuxeron un grupo de amigos, que buscaban facer viños ecolóxicos, que lles botara unha man. O parecer gustáballes os viños que facía, e tiña fama de facer viño sen trapalladas.  Todos tiñan viñas, que levaban de forma ecolóxica ou un pouco máis selvática. O proxecto gustoume, é dixen que sí. Medios ningúns,  gañas moitas e cartos poucos. Dixen entón que  non cobraría, só quedaría cunha pequena parte do viño. Desa forma non habería gastos e estaría a morte co proxecto. Chegou a vendima, e as uvas de todos eses tolos, o froito foron uns 400 litros. Moito traballo para tan pouco botín!!. Elaborouse na adega familiar de Bernardo, un dos socios. Co tempo só quedou él, e seguimos xuntos no proxecto. Unha única idea obsesiva, facer un viño sen intervención de calquera tipo de produto que a súa orixe non sexa natural, tanto en viña como no viño.



 Esta é a primeira colleita que sae o mercado, o 2009. Elaborado como un viño natural, con moi baixo sulfuroso. Fermentado en barricas novas de 500 litros. Fermentación espontánea e crianza de 10 meses. Nas seguintes colleitas a madeira xa non será tan nova. Esperamos conseguir que a madeira sexa case imperceptible nun futuro, so froita e a personalidade do chan.

Na etiqueta non deixan poñer viño natural, ao parecer non se pode por presupor que o resto dos viños non o son. Cousas do etiquetado!!.
Máis abaixo vai a carta de presentación de Bernardo, na que vos conta o que é Issué.
Nuns días estaremos na rúa da man de Xoán e Miguel de María Fechoría. So facemos 2850 botellas das 2.4 Ha que temos. Poucas botellas para gran esforzo, espero vos guste este viño que é diferente ao que hai no mercado. Recomendamos abrilo con tempo ou decantalo. Vaite sorprender, seguro!!.


Nesta páxina web poderás ter mais información. http://aterraagradececho.com

Hoxe falou o Viticologo dos bagos do noso viño podes ollalo aquí .

Issué, o noso viño  branco é un dos primeiros  froitos dun pequeno proxecto laboral, vital e de investigación que hai  once  anos comezou  a tomar forma no Ribeiro. O fin de este  proxecto é ir medrando e madurando como viticultor paralelamente á vida das nosas cepas e das nosas viñas, e que todo este traxecto común párese de cando en vez confluíndo nunha simple  pero orgullosa  botella de viño. 

O MEDIO NATURAL como base fundamental e o respecto  ás súas leis. Este é o sistema de traballo  que co paso do tempo estamos a empezar a comprender e a utilizar nas nosas viñas. A investigación da que antes falabamos cosiste simplemente en observar o que sucede ao redor das nosas cepas, como é o chan, que organismos viven ao seu redor e nel, cales son as súas necesidades, cales son as súas doenzas. Unha vez  que co paso dos anos fomos elaborando o catálogo de todas as variables, comezou o labor de idear un sistema de traballo práctico no cal conseguísemos chegar ao fin do ciclo, é dicir, a vendima, cunhas uvas  totalmente naturais, que sufrisen mínimas variacións na súa estructura por mor da acción do noso traballo, e que paralelamente todo o resto do medio natural que comparte espazo coas viñas e cepas non sufrise agresións da nosa man .

AGRICULTURA NATURAL de Masanobu Fukuoka é a estructura  sobre a que montamos o noso esquema de traballo. Non aportamos o chan das viñas ningún tipo de abono de orixe animal que sexa externo as propias  parcelas. Para cubrir as necesidades nutritivas das cepas e o chan, recurrimos á autofertilización  con adobos vexetais. Para os tratamentos da parte aérea da planta, aplicamos pequenas doses de cobre e xofre, complementados sempre con extractos de orixe vexetal, aquí sí temos unha liña de investigación  aberta que elaboramos nos mesmos. Tamén elaboramos os preparados biodinámicos que utilizamos para as pulverizacións en chan e planta. E dende logo, ritmos!, os ritmos do chan, da súa flora microbiana, das súas plantas da lúa e do sol. É fundamental todo este coñecemento para que todo o engranaxe  funcione ben.

Traballo en torno as 2.4 hectáreas de viñedo divididas en catro zonas.

FIRVIDELAS. Ten sobre 14.000 metros o chan vai dende franco areoso ate arxilo areoso con unha boa profundidade de perfil. Esta viña está agora escomenzando os once anos, nela conviven Lado, Treixadura, Albilla, Silveiriña,Verdello, Loureira e Godello .

FEXACO. Viña en socalcos de aproximadamente 2000 metros con chan arxiloso aquí están cepas de Treixadura Lado e Silveiriña que van dende os 11 anos ate os 75 anos.

A CANDA. Viña en socalcos con terreo variable de area e arxila. Ten tamen 11 anos con  variedades tintas Brancellao, Souson, Caiño da terra .

CAMPO REDONDO. A última crianza. Ten só 4 anos co chan de pura pedra solta, orientada ao sur. Aquí fixemos unha aposta polas variedades tintas máis antigas do Ribeiro ten sobre  3000 metros .

Tamén traballo parte das viñas dos meus avós  repartidas polo pobo de Remuiño. Son moi vellas, principalmente de Treixadura, Lado e variedades tintas .
Pois isto é ISSUÉ e seu redor, máis SebioBeatrizAndré e todos aqueles que sempre están dispostos a botar unha man.

Un saúdo

Bernardo Estevez Villar 



5 comentarios:

Iso é ética de traballo e o demais son parvadas.
Retiro o meu chapeu ante tal filosofía e agardo que os consumidores o aprecien.

Sorte.

Pódese facer viño de varias formas, se é dunha forma diferente o habitual, nos cremos que mais autentica. Sentímonos mais orgullosos do traballo feito, espero que a xente lle guste.
Daniel, avísame cando queiras vir, para organizarme. Se queres imos tamén ata Arnoia co Bernardo. Unha aperta.

Sebio, os meus parabens, tanto para tí coma para Bernardo, tanto polo viño Issué coma polos que fas tí en Coto de Gomariz, tanto polo traballo que levades coma polo que axudades coa vosa labor a recuperación e renacer dunha nova era para o Ribeiro, que desta volta e con xente coma vos volta pola sua sona, si milleiros de persoas escolleron esta terra hai máis de 1000 anos para producir os mellores viños de Europa daquela, hoxe recoñecese que tiñan razóns de sobra. Reitero a miña NORABOA.

Este comentario ha sido eliminado por el autor.

Grazas a ti Antonio, para a próxima pon o apelido que si non toleo pensando quen es, una aperta.

Publicar un comentario